O proxecto educativo Monte Vivo no que participa A Rente do Chan recibiu dende os inicios no ano 2017 dous premios de recoñecemento en innovación educativa. O primeiro, outorgado pola Xunta de Galicia, foi no 2019 na convocatoria do Plan Proxecta en innovación educativa, valorando o esforzo realizado na área de custodia que rodea ao centro educativo para rexenerar a terra despois dos lumes e iniciar a creación dun bosquete que conserve a biodiversidade. O segundo, recibido este verán do 2022, considera o proxecto de “excelencia” en innovación educativa polo traballo realizado durante o curso 2021/22 “Tralas pegadas do Volframio”, incluído no Monte Vivo, no cal se investigou cun enfoque interdisciplinar o pasado, presente e futuro dun metal de importancia estratéxica durante a segunda guerra mundial: o volframio.
Finalmente o IES foi seleccionado na convocatoria de Voz Natura para deseñar e publicitar un sendeiro que transcurre na zona de custodia como acción de aprendizaxe-servizo, para educar con compromiso coa sociedade.
Toda a información sobre o proxecto pódese consultar na seguinte web: Custodiamos o territorio que nos rodea