Constitúese unha plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén contra a amenaza da construcción dun novo embalse

A principios do verán de 2022 apareceu na prensa o resultado dun estudo sobre opcións de abastecemento de auga á cidade de Vigo, encargado polo Concello desta cidade. O propio concello, co seu alcalde á cabeza, sinalou como a opción idónea a construción dunha nova presa aguas arriba do encoro de Eiras no río Oitaven.

O estudo de opcións sinalaba á súa vez a posibilidade de realizar novas presas no río Verdugo así como transvases entre ambos os ríos.

Perante tales ameazas á supervivencia dos ríos Verdugo e Oitaven, a veciñanza de ambas as concas comezou a mobilizarse en contra destes proxectos.

No mes de xuño, e tras varias reunións, constituíuse a Plataforma Encoro Non para a Defensa dos Ríos Verdugo e Oitaven, agrupando a un centenar de asociacións de Veciños, Augas e Montes, culturais, grupos de defensa ambiental e confrarías de pescadores e mariscadoras, cun ámbito xeográfico que abarca desde a serras de Cando e o Suido ata a Enseada de Rande na Ría de Vigo.

As primeiras accións da Plataforma foron convocar unha manifestación en Ponte Caldelas e asistir ás que xa estaban convocadas por outras organizacións.

Tamén decidiu iniciar unha campaña de concienciación sobre o uso responsable da auga e a colocación de paneis informativos en diferentes puntos así como a colocación de carteis e pancartas en puntos de gran afluencia de persoas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *