CUSTODIA NO IES DE PONTE CALDELAS
O proxecto “O MONTE VIVO” é un gran proxecto educativo interdisciplinar que xorde a raíz dos incendios de outubro do ano 2017, que motivan en nós un interese por concienciar sobre os coidados do monte e a prevención de futuros lumes. Este traballo integra ademais diversas liñas mestras de actuación pedagóxica do noso centro educativo como son a educación implicada na contorna, tanto no patrimonio natural como no etnográfico, a educación para a convivencia, adquisición de coñecemento e educación para unha vida sa e sostible.
A principal finalidade do proxecto é a concienciación sobre a importancia da conservación dos ecosistemas forestais autóctonos, ante a situación de abandono e falta de xestión do monte que estamos a vivir, e as nefastas consecuencias disto, como por exemplo os incendios forestais.
Esta iniciativa, cuxo primeiro obxectivo foi a restauración dunha área queimada anexa ao IES de Ponte Caldelas, foi pouco a pouco transformándose nun gran proxecto que integra gran cantidade de aspectos relacionados e que tratamos en diversas áreas educativas.
Ademais de implicar a outros centros de ensino, traspasamos o ámbito educativo, ao incorporar a familias, asociacións locais e outros sectores da sociedade.
O punto de partida é o inicio dunha actividade de custodia dunha superficie de dúas hectáreas, anexa ao instituto. Esta zona, despois dos incendios, quedou inzada de especies invasoras como o Eucaliptus globulus e a Acacia dealbata. O noso obxectivo é a eliminación destas especies invasoras e o inicio da súa restauración cun bosque mixto de frondosas.
Pasiño a pasiño imos transformando unha paisaxe de monocultivo abandonado por un bosquete onde enraizan os érbedos, sobreiras, bidueiros e carballos formando un ecosistema resiliente frente aos lumes que ademáis sirva de exemplo de posible xestión forestal con futuro para o noso alumnado.
Cremos que a problemática que estamos a tratar ten tal transcendencia, que é importante contar coa implicación, ademais do alumnado e do profesorado, doutros sectores da sociedade relacionados directa ou indirectamente co monte.
- Alumnado: participan todos os niveis educativos.
- Profesorado: participan os Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía, Lingua Galega, Lingua Castelá, Economía e Ciencias Sociais.
Regulamos a implicación dos seguintes organismos a través dun Convenio de custodia firmado polo equipo de proxectos do IES :
- O CFEA (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán): alumnado e profesorado. Alumnado do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, e do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. Esta Escola depende da Consellería de Medio Rural. Nos prestan todo tipo de colaboración e asesoría técnica.
- A Comunidade de Montes de Cuñas. A través da Presidenta. Participan na xestión dos terrenos que nos ceden en custodia.
- A Rente do Chan. Está presente en todos os procesos
Habendo reunións anuais de coordenación entre os implicados.
Para obter máis información na web do Monte Vivo: Custodiamos o territorio que nos rodea
O proxecto O Monte Vivo ten como finalidade recuperar flora e fauna autóctona libre de invasoras no entorno do centro como exemplo de conservación do ecosistema forestal galego. Fases:
- Crear un bosquete de planta autóctona: bidueiro, sobreira, carballo, acivro, érbedo, sabugueiro…
- Control de acacia e eucalipto. Descascado e arrincado.
- Promover conciencia medioambiental e de valoración do territorio entre o alumnado.
- Elaborar co alumnado, material educativo reforzando a importancia da biodiversidade.