Custodia do Territorio. Gradín

No outono de 2017 unha vaga de lumes arrasou Galicia. Como moitos outros o concello de Ponte Caldelas viuse afectado por un gran incendio forestal que se estendeu dende Ponteareas ata o concello de Cotobade.

Fartos de vivir rodeados dun polvorín en forma de eucalipto e de lumes de forma consecutiva xurdiu a iniciativa de restaurar ambientalmente unha pequena cantidade de parcelas de titularidade privada para sementar un cambio na contorna do Cruceiro das Torres, un lugar singular, cheo de lendas, un lugar esquencido nunha antiga encrucillada entre as parroquias de Caldelas, Cuñas e a aldea de Gradín.

O primeiro paso foi chegar a un acordo cos propietarios das parcelas, polo cal comprometíanse a colaborar en impulsar o cambio na paisaxe e na natureza dos seus terreos a cambio de que A Rente do Chan tutelara e xestionara o proxecto. Con poucos medios pero con forza e ganas a meta conclúe na consolidación dun novo bosque autóctono, seguro frente a lumes e fonte de natureza e biodiversidade. Así xurde a custodia do territorio.

Seguidamente procedeuse á retirada de toneladas de madeira queimada na que interviron madereiros locais. Ainda que moi impactante ao principio foi necesaria a intervención de maquinaria pesada para abrir o paso ao que viría despois.

Unha vez cortados centos de eucaliptos mortos chegaba unha dura batalla que parecí imposible de gañar…é sabida a enorme capacidade do eucalipto para rebrotar e asolagar milleiros de hectareas. Con constancia e un bo equipo é posible acabar coa invasión. Foi necesaria a convocatoria de varias xornadas nas que participou xente chegada de varios lugares de Galicia.

Tan só un ano despois da catástrofe conseguimos custodiar mais de 3 Ha de terreo repartidas en máis de 12 parcelas diferentes, dende a máis grande de 8000 m2, á máis pequena de 500 m2, pertencentes a máis de 30 propietarios.

No ano 2020 máis 25.000 m2 xa estaban liberados do eucalipto, non só a creación dun bosque estaba en camiño, senon que pequenas iniciativas xurdiron durante o proceso, tanto a nivel científico como de aproveitamento forestal. Comezou unha pequena explotación apícola e de produción de shiitake, ademais dun seguimento anual da evolución da poboación de aves no lugar en colaboración coa SEO birdlife.