A Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Innovación Educativa, acaba de publicar os premios Innovagal aos centros educativos con metodoloxía innovadoras. O IES de Ponte Caldelas co seu proxecto “O Monte Vivo” leva o primeiro premio por realizar dende o 2017 diferentes actividades educativas relacionadas co aprendizaxe Activo-servizo, ligado á realidade do alumnado. Así recibe o primeiro premio dotado con 10.000 euros a gastar no mesmo proxecto. Nestes últimos cinco anos tanto formamos equipos co alumnado de Lourizán para deseucaliptizar e plantar autóctonas como fixemos investigacións acerca do patrimonio dos tres concellos, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas. Levamos, nesta fase, recibidos varios premios de innovación educativa, o proxecto “Patrimoni..ando” de recuperación de patrimonio material e inmaterial nos pobos do alumnado, realizado con metodoloxía “Hiper-aula”, o proxecto “Tralos pasos do Volframio” onde descubrimos a problemática das minas de Volframio, na II Guerra Mundial e na actualidade. Este premio de Innovagal recoñece que somos un instituto con metodoloxías innovadoras aplicables noutros contextos educativos.
O proxecto do Monte Vivo naceu xunto con A Rente do Chan despois dos lumes do 2017 e, nese mesmo momento, a escola de Lourizán propúxose voluntaria para colaborar e así tamen facer prácticas de restauración de áreas queimadas. A CCMM de Cuñas, propietarios do terreo en custodia, sempre se mostrou disposta á participación e colaboración con este proxecto. En seguida asinamos, entre todos, un convenio de custodia onde nos comprometíamos a coidar e instalar un bosquete de plantas autóctonas na área de cerca de 3 hectáreas.
Complementamos estas actividades con traballos de aula en diferentes materias que reforzan a idea da xestión correcta do territorio e o mantemento da biodiversidade como plan de futuro sostible. Desde a área de Bioloxía a intención educativa é que valoren a riqueza que producen a diversidade de animais e vexetais. Desde a Tecnoloxía e a Xeografía aproveitanse as ferramentas da Xunta para a xestión do territorio, Catastro e Visor da Xunta, para que o alumnado recoñeza o territorio e aprenda e xestionalo. Desde a lingua utilízase a temática do bosque e a natureza para crear contidos literarios tanto en poesía como en prosa.
O traballo multidisciplinar desde todas estas materias participantes mantén unha dinámica participativa e un enfoque global máis entendible para o alumnado. Todos temos o mesmo obxectivo e o traballamos desde diferentes enfoques. Moitas reunións son necesarias para chegar a estes resultados educativos e moita coordinación entre os distintos participantes. Os recoñecementos son precisos para que o proxecto teña presencia e sexa espallado entre as familias e veciños destes tres concellos por onde transcurren os ríos Verdugo e Oitavén que tamén forman parte do proxecto do Monte Vivo.




