Operación Mulching

Despois dun incendio o chan queda espido e desestruturado, exposto ao impacto das choivas, tan abundantes en Galicia durante o outono. Coa escorrentía, nun instante, pódese perder unha cantidade inxente de chan que tardou decenas de anos en formarse.
Para facilitar a recuperación dunha zona ardida, é fundamental evitar a perda do chan. Os estudos científicos teñen demostrado que a mellor forma de protexer este capital é mediante o acolchado ou “mulching”.
Outras técnicas como a sementa de herbáceas non teñen a mesma efectividade, polo que tarda a semente en desenvolverse ata que a planta teña o tamaño suficiente para ofrecer unha protección. O mulching faise con material vexetal, normalmente palla.
É moi importante protexer o chan do impacto da choiva e hai que facelo con rapidez. Despois do catastrófico incendio de outubro de 2017, xurdíu unha gran forza social con ganas de actuar, así que A Rente do Chan tomou a iniciativa de realizar unha operación mulching con todos os voluntarios que se ofrecían para participar.
Coa axuda do concello, que conseguiu a maioría da palla, organizáronse por centos de voluntarios en varias xornadas, actuando simultaneamente en zonas previamente seleccionadas. Un bo coñecemento do terreo axudounos a tomar rapidamente as decisións, actuouse nas zonas de maior pendente, que tiñan menos vexetación residual e que podían afectar a acuíferos, zonas habitadas ou infraestruturas importantes.

A resposta da poboación foi masiva. Mobilizáronse 200 voluntarios en 4 xornadas, actuando simultaneamente en 38 enclaves e chegando a cubrir 12 ha de superficie do terreo en zonas especialmente sensibles. É unha actuación moi gratificante, porque se cambia o ton da paisaxe nun momento.

Ademais de palla empregouse outro tipo de material vexetal, como restos de millo triturado ou material estruturante vexetal, basicamente triturado de madeira procedente dos centros de compostaxe de Pontevedra. Tamén se realizaron accións de eliminación de invasoras e sembra de landras para axudar á rexeneración.

Unha achega moi interesante por parte do Colectivo A Rente foi a posterior medición dos efectos do mulching na perda de chan e a posterior publicación dun artigo científico “Effectiveness of community-bases initiatives for mitigation of land degradation after wildfires” Prats et al.

Instaláronse trampas de sedimento en 2 zonas tratadas con mulching que foron monitorizadas durante os dous anos seguintes por voluntarios da asociación. Os resultados da análise demostraron que o sistema foi moi eficaz para previr a erosión do chan. Tamén se comprobou a gran efectividade doutros materiais locais como millo triturado ou serrín, así como os sistemas empregados para maximizar a superficie cuberta, a base de franxas intermitentes.

Demostrouse que o mulching mellora a fertilidade do chan e axuda á posterior implantación da vexetación. Polo contrario, a sementeira de landras non foi demasiado eficaz.

Segundo este artigo, os datos concretos da perda de chan son:

  • A perda de chan o ano seguinte ao incendio foi moi alta; entre 11e 27 Mg por hectárea e ao acolchado reduciu a erosión nun 95%
  • Durante o segundo ano despois do incendio os datos da erosión oscilan entre 4 e 13 Mg/ha, que nas zonas tratadas reduciuse entre o 87 e o 73 %.

A colaboración cidadá despois dun gran incendio pode ser de gran axuda para actuar con rapidez e efectividade para protexer o territorio. É moi importante manter á poboación vencellada á súa terra e que poida actuar na medida dos seus coñecementos e habilidades.

Aquí quen tiña un tractor axudou co transporte das balas de palla, quen coñecía o terreo sinalou as zonas para cubrir, quen tiña un drón tomou as imaxes aéras, o do supermercado achegou bocadillos, o seguro protexeu aos voluntarios, científicos realizaron as medicións.

A administración autonómica con todo prefire actuar de maneira xerárquica, cústalles xestionar a iniciativa dos voluntarios, parecen ignorar que dese xeito quitan potestade e responsabilidade ao pobo sobre o seu territorio.