A nosa historia

Os lumes do 15 de outubro de 2017 no Concello de Ponte Caldelas afectaron a un total de 2.900 ha e obrigaron a un alto número de persoas a pór en risco as súas vidas para salvagardar a integridade da veciñanza, as súas vivendas, naves, maquinarias de traballo, animais domésticos etc. 

Foi unha noite infinita e catastrófica. Ao mencer todo era negro e apestoso. Estábamos desolados e confusos, rabiosos e impotentes.

Xorden no municipio diversas accións en resposta ao acontecido.

E de maneira inmediata, para dar resposta á unha das problemáticas máis evidentes, a da mitigación da erosión, protección do chan e recuperación dos terreos queimados, un grupo de persoas veciñas con inquietudes comúns, coñecedoras do terreo e dispostas a actuar con rapidez, comeza a coordinar os traballos de recuperación do entorno. Neste momento, nace A Rente do Chan.

A Rente do Chan nace nas cinzas nun panorama desolador. Desexábamos cambiar a paisaxe da nosa contorna e vivir en aldeas seguras. 

Seguimos traballando na mesma dirección, e o que entón foron cinzas… convertéronse en proxectos ilusionantes, iniciativas, proxectos, colaboracións e un sinfín de verdes posibilidades. Tamén hai ameazas, e contra elas tamén seguiremos traballando. 

Forza A Rentes!!